BÓVEDA (aldea da parroquia
de Santalla de Bóveda de Mera)
A aldea central da parroquia de Bóveda, famosa polo monumento romano, é ademais unha das xoias máis belas e mellor conservadas da arquitectura popular das terras centrais de Lugo. Media ducia de casas grandes e rodeadas de nobres construcións auxiliares, entre as que se contan cabazos de bela feitura, todo construído en ben labrado perpiaño e cachotería do excelente granito do que esta parroquia é tan rica (as grandes canteiras de Vilanova). Ademais, o conxunto está perfectamente articulado desde o punto de vista urbanístico, mesmo coa súa praza por baixo da igrexa. Nalgunha das edificacións sobrevive aínda o singular tellado cuberto cos grandes chantos de granito que, por falta de lousa na contorna, foron tradicionalmente usados no Val do Mera tamén para estes mesteres.