PRESENTACIÓN
O Concello de Lugo lidera o Plan Integral de Promoción Turística da zona rural do Corgo, Lugo e Rábade que desenvolve con estes dous concellos veciños. O proxecto, que se pode cualificar de pioneiro, recibiu en outubro do 2012 unha subvención de AGADER, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a súa execución: era a primeira vez que este organismo autonómico avalaba un proxecto de cooperación entre concellos destas características.
O conxunto de actuacións, que por acordo dos tres concellos foi denominado TERRAS DE AUGA E CULTURA, baséase en primeiro termo na consideración dun patrimonio natural dominado pola auga, cos cursos do río Miño e dos seus afluentes Mera, Chamoso, Neira e Tórdea como eixes fluviais principais. E en segundo lugar, considera dous importantes camiños históricos, coincidentes en parte, como son a vía romana XIX e o Camiño Primitivo de Santiago, transversais ó tamén histórico que hoxe é a principal vía de vertebración dos tres concellos: o camiño real da Coruña a Castela, que despois foi a estrada Nacional VI e que hoxe se complementa coa Autovía do Noroeste ou A-6.
Naturalmente, o obxecto é poñer en valor a rica substancia natural e histórica dos tres concellos, integrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño e enriquecidos ó longo da historia cun patrimonio arqueolóxico e cunha arquitectura relixiosa, pacega e popular de altísimo valor. Para iso, o proxecto abrangue un amplo abano de actuacións concretas, entre as cales figura en primeirísimo termo a instalación dun conxunto de señalizaciones dos monumentos e lugares de especial interese.
OS IMPULSORES DE TERRAS DE AUGA E CULTURA
Rábade, entidade urbana e de pequena extensión, aínda que cunha espléndida contorna natural, ofrece unha unidade interna moi considerable: trátase esencialmente dunha vila comercial e industrial que serve de referencia nestes eidos a unha contorna moito maior có seu territorio municipal.
O Corgo, entidade exclusivamente rural aínda que cunha arteria principal, a Nacional VI, de considerable forza comercial e mesmo industrial, é unha realidade moi complexa pola variedade do seu extenso territorio, que comprende un gran número de parroquias cunha grande riqueza patrimonial.
En cando a Lugo, de extensión e complexidade aínda moito maior, escolléronse para desenvolver este programa só oito parroquias por criterios que teñen que ver coa súa relación co Camiño de Santiago, coa súa beleza paisaxística e coa súa especial riqueza en canto á arquitectura popular tradicional. As parroquias lucenses integradas neste marabilloso proxecto son: Romeán, San Xoán de Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda e San Pedro de Mera.
INFORMACIÓN DOS CONCELLOS
- CONCELLO DE LUGO
Cos seus 332 km2, o concello de Lugo é o terceiro máis extenso de Galicia, despois da Fonsagrada e de Vilalba. O Miño atravésao de noroeste a sueste, formando un val suave que se prolonga nunha meseta largacía pouco alterada por algunhas loma, continuada ó norte na propia Terra Chá sen transición ningunha. Cara ó leste e o sur prolóngase na planicie da terra do Chamoso, que abrangue freguesías dependentes de Lugo, de Castroverde e mais do Corgo, con algunhas alturas importantes só pola parte de Vilarvente e Labio (o Outeiro Maior chega ós 725 m sobre o nivel do mar), por onde hai un pequeno sistema montañoso do que forman parte tamén os altos onde están os lagos de Teixeiro.
Polo oeste, as parroquias da Terra das Camoiras, no val do Narla, forman unha minúscula comarca; pero é sobre todo o val do Mera o que ten unha forte caracterización xeográfica diferenciada, que se reflicte mesmo na súa arquitectura popular. Polo norte, definen este val a Cordal de Lobos e a Pena de Rei; polo sur, a Pena de Fornos e o Monte de Meda. Unha gran cantidade de fontes que en moitos casos dan lugar a ledos regueiros tributarios do Mera –un río que polo que lemos non chega ós trece quilómetros de lonxitude– esmaltan esta pequena comarca fundada en granito, pedra severa que empezou ilustrándose funerariamente nas mámoas, converteuse logo en casa ou palloza para vivir nos castros, continuou no senlleiro monumento romano de Santalla de Bóveda, fundamentou o exquisito románico de Bacurín e floreceu nas espléndidas casas, palleiras, hórreos e zarros da arquitectura agraria tradicional que tanto singularizan as vagantas e as loma deste val.