CAPELA DE SAN BARTOLOMEU
DO BURGO
Tamén chamada do Carme. Singular ermida que en lugar de nave ten un pórtico aberto sobre oito piares octogonais, con sentadoiros ó redor. O recinto correspondente á capela maior está integrado nun pequeno outeiro rochoso que no interior lle serve de base ó altar; unha porta con altas xanelas laterais permite a visión do presbiterio desde o pórtico. Sobre o altar hai un pequeno retablo barroco do século XVIII cunha imaxe do apóstolo padroeiro. San Bartolomeu morreu esfolado, e por iso é considerado patrón dos carniceiros, dos curtidores e outros oficios da pel. A tradicional romaría en honra da Virxe do Carme que se facía na fermosa carballeira inmediata, con misa na capela, celébrase xa dende hai tempo xunta a igrexa parroquial, o derradeiro domingo de agosto.