CASA DAS INSUAS
Neste nobre edificio estivo a Casa do Concello de Rábade. Agora está destinado especialmente a Centro de Interpretación das inmediatas Insuas do Miño, longo parque natural composto por varias frondosas insuas de aluvión, separadas só por unhas canles que no verán se poden cruzar a pé. Noutro tempo eran fértiles terras de propiedade privada, pero a Deputación Provincial adquiriunas para convertelas en patrimonio público.
Baixando a costa, nun lugar onde talvez houbo xa unha ponte romana, atopamos a vella Ponte de Rábade, de feitura medieval, que tivo unha grande importancia económica e estratéxica no camiño real de Castela á Coruña. Case ó carón dela está a ponte do ferrocarril, que atravesa o Miño con dous fermosos arcos de gran raio apoiados nun piar central.