FEIRA DE ADAI
Por aquí entraba en Adai o camiño dos bestilleiros da Terra Chá e Mondoñedo, que adoitaban durmir a véspera en Romeán para que as bestas chegasen descansadas e alegres.
O Trece de Adai foi historicamente unha das máis importantes feiras equinas de Galicia, e neste minúsculo burgo feiral xuntábanse ducias e ducias de tratantes con grandes recuas e grosos envurullos de billetes nos petos. Á parte do comercio interior, de aquí saía un gran número de machos e mulas para León e Castela, antes da mecanización da agricultura, pois o mular criado en Galicia era especialmente estimado.
Hoxe as feiras de Adai seguen vivas e con boa saúde, adaptadas á vida e á economía modernas. Á parte das tradicionais do Trece, hai dúas grandes citas anuais a fins de xuño, unha dedicada ó cabalo e outra á raza rubia galega de vacún.