GUDE (aldea de Romeán)
Aldea agrupada de menos de dez casas, varias delas de gran prestancia, a media ladeira por riba das fértiles agras vellas –agora máis ben a prado– que se van deitando cara ó pequeno río Romeán. Gude é sen dúbida un dos núcleos máis fermosos do concello de Lugo, tanto pola calidade da construción como pola súa agradable textura urbanística. As casas, lousadas a catro augas, son de cachote grande de granito cos esquinais e os marcos das portas e as fiestras en perpiaño de boa labra, algúns con linteis arqueados. Construcións adxectivas tradicionais e airas lastradas en cantería completan o conxunto. A máis grande das casas ten na fachada catro fiestras por planta, o que lle dá unha maxestade pouco común nas casas de labranza. Por diante de Gude pasaba o camiño dos bestilleiros á feira de Adai.