IGREXA PARROQUIAL
DE SAN MIGUEL DE BACURÍN
Excelente obra do románico rural, moi ben conservada, construída probablemente a principios do século XIII. Porta principal de tres arquivoltas sobre tres pares de columnas con capiteis de decoración vexetal; a parte alta da fachada é posterior. Porta lateral de dobre arquivolta, con tímpano bilobulado e unha columna a cada banda, unha delas helicoidal. Ábsida abovedada de dous tramos, recto e semicircular, cunha bela fiestra ó fondo entre dúas semicolumnas con capiteis historiados. No beiril do lousado da ábsida hai 16 canzorros románicos, lisos ou con decoracións vexetais e figuras de gran volume e boa calidade escultórica, algúns deles de forte feitío erótico. No interior destaca o retablo dos séculos XVII-XVIII, cunha imaxe barroca de San Miguel.