IGREXA PARROQUIAL
DE SAN VICENTE DO BURGO
Barroca do século XVIII, destaca polo seu tamaño, o seu deseño e a súa calidade construtiva, formando un conxunto senlleiro na arquitectura parroquial rural de Galicia. Airosa fachada moi ben labrada, coa imaxe do patrón baixo a torre cadrada para as tres campás, que cos seus diferentes timbres permiten uns toques a defunto particulares desta freguesía. Nave con bóveda de berce e coro de pedra ós pés. Alta capela maior, levemente resaltada en anchura sobre a nave, cuberta con cúpula sobre pendentes (non aparente desde fóra por estar lousada a catro augas) e rematada nunha graciosa lanterna. Sancristía na cabeceira. Esta igrexa substituíu outra moito máis antiga, citada nos documentos medievais como Sancto Vicentio de Muros, matriz de Poutomillos e de San Xoán do Alto.