IGREXA PARROQUIAL
DE SANTALLA DE BÓVEDA DE MERA
Igrexa do século XVIII, coa característica fachada do barroco rural galego, pero coa nave e a capela maior formando un espazo único. A súa parede norte está feita sobre a parede sur dun misterioso monumento tardorromano con escasísimos paralelos en todo o territorio imperial. Na nave central deste, unha piscina rectangular fai pensar nun ninfeo ou lugar de culto ás augas. Os elementos arquitectónicos e relevos da fachada, de grande interese histórico e artístico, palidecen ante as pinturas polícromas, moi ben conservadas, que cobren a bóveda. Soterrado durante séculos, foi descuberto en 1926 e case inmediatamente declarado Monumento Nacional. Antes da igrexa barroca houbo unha igrexa medieval feita enriba do monumento romano, da que se conservan restos na oficina de información deste.