IGREXA PARROQUIAL
DE SANTIAGO DE PRÓGALO
Pequeno templo románico do tipo rural máis sinxelo, e por iso mesmo de grande interese. O seu pequeno tamaño axéitase moito ben a unha parroquia de moi poucas casas e moi agrupadas. A nave é en gran parte orixinal, con porta frontal en arco de medio punto moi sinxelo e tímpano liso moi interesante, que ten sido comparada con algunha do románico catalán do século XI. Sobre ela hai unha pequena fiestra tallada en cantería, e unha espadana dunha soa campá. A capela maior, cadrada, é de construción posterior, máis estreita pero da mesma altura cá nave. O retablo maior, barroco, está presidido pola imaxe tamén barroca do patrón, pero contén ademais dúas pequenas imaxes de san Pedro e santa María co Neno no colo, de estilo románico tardío e feitura de aire moi popular, datables no século XIV.