IGREXA PARROQUIAL
DE SAN XOÁN DO ALTO
Co nome de ecclesia Sancti Iohannis de Mera esta igrexa é xa citada no chamado Testamento de Odoario. Aínda que moi reformada, conserva vestixios da súa orixe medieval e unha planta de proporcións románicas. Sobre a sinxela porta occidental hai unha fermosa celosía cuadrangular cunha rosácea de aspecto prerrománico. No interior destaca o retablo barroco, do século XVIII, que ocupa todo o testeiro da capela maior. Diante do templo hai un singular pórtico ou cabido exento sobre oito columnas redondas con sinxelos capiteis dóricos, probablemente procedentes doutra construción, quizabes un claustro monacal. De feito Nicandro Ares sitúa aquí o mosteiro dúplice de San Xoán de Mera, documentado desde o ano 964, por diante do cal seguramente pasaban xa daquela os peregrinos no seu camiño cara a Compostela.