MUÍÑO DO PASO
Muíño tradicional de pequenas dimensións pero suficientes para dúas moas, integramente construído en granito. É de notar a súa porta alintelada sobre xambas, e moi especialmente o seu lousado a tres augas, feito de delgadas laxes de cantería, teitado tradicional do Val do Mera que aínda se conserva en moitas construcións. Este muíño, propiedade da Casa do Paso, foi hai xeracións de maquía, é dicir, moía para fóra mediante o pago dun canon en gra. Ó decaer o cultivo de cereal nestas terras pasou a moer só esporadicamente para os donos. Os muíños teñen unha grande importancia simbólica na cultura tradicional galega: a nosa danza máis popular, a muiñeira, alude co seu nome ás xuntanzas festivas que se facían nos muíños, ou sexa, ás "muiñadas".
Unha noite no muíño,
unha noite non é nada;
unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada.