PARROQUIA DE SAN XÓAN DO ALTO
Superficie: 5,53 km2 / Poboación 2013: 118 habitantes
Na Alta Idade Media había nesta parroquia un mosteiro de tipo familiar e dúplice (de homes e mulleres, gobernado conxuntamente por unha abadesa e un abade) que estaría por onde está hoxe a igrexa, na aldea de Seoane. O mesmo topónimo Seoane é tamén proba de antigüidade, pois representa (coma Savane e Seivane) un resultado arcaico do nome do patrón, Sancte Iohanne, hoxe só conservado en topónimos.
Terra agraria aínda activa malia a súa proximidade á capital, mesmo se poden ver algunhas chousas a pan. Na súa arquitectura, á parte dos robustos conxuntos compostos de casa principal con palleiras e outras construcións adxectivas, son salientables os numerosos cabazos de pedra e madeira, a miúdo con sobrepenas escultóricas. Chaman a atención tamén os carballos esmoucados, coas típicas coroas de pólas novas, a miúdo de venerable idade.
A parte da parroquia máis próxima a Lugo sufriu máis a influencia da cidade, tanto pola presenza de industrias (entre as que destaca unha moi importante da madeira) como polos numerosos chalés, que fan que a aldea de Vilaestévez sexa hoxe con moita diferenza a de poboación máis numerosa. Esta aldea está nun lugar baixo e algo palustre, no que ás veces se ven lavancos voando. O seu núcleo antigo ten un grande interese pola súa arquitectura tradicional, infelizmente en parte fóra de uso e abandonada. Tamén é interesante Abelairas, pequena aldea de media ducia de casas moi xuntas, situada nunha suave ladeira, no outro extremo da parroquia. Un poderoso carballo varias veces centenario ennobrece o lugar. Aquí hai un bo camiño vello, sinalado como "Ruta das Chousas", agras agora a prado e con boas carballeiras novas.
Seoane está nun lugar alto, máis abertal e máis enxoito, en pleno Camiño Primitivo de Santiago. Á parte da súa interesante igrexa, destaca tamén pola arquitectura tradicional agraria, con pequenas pezas singulares: un alpendre de coidada construción, un pozo cuberto con bebedoiro ó carón.