VALÍN-VILAR (Aldea de Santalla de Bóveda de Mera)
Aínda sendo dúas aldeas diferenciadas pola toponimia, Valín e Vilar forman case un conxunto único, apenas separado por unhas poucas chousas. En Valín, o núcleo máis grande e máis habitado, merece especial atención algunha casa que ten arrimada á fachada unha característica "antecasa" con lousado a unha auga baixo o que se albergaban a corte e a palleira. Tamén é notable algún cabazo con sobrepenas de cantería de boa labra escultórica. No Vilar hai unha interesante fonte, e unha casa con pedras gravadas que segundo o sabio investigador Nicandro Ares poden proceder dun antigo convento de monxas. O Vilar é citado xa no século X, no Inventario de Hermenexildo e Paterna, patróns do mosteiro de Sobrado dos Monxes: In valle de Mera, villa Cabanas, villa Villar et ecclesia Sancte Eolalie antiqua...