VIGO - ALDEA DE BACURÍN
Aldea agrupada con pouco máis dunha ducia de casas familiares, que son en realidade conxuntos de uso residencial e agrícola tradicional, construídos en cachotería de granito con esquinais e cercos de portas e fiestras en perpiaño ben traballado. Ó redor das edificacións principais, de dúas plantas, agrúpanse os edificios auxiliares, palleiras, chozas e cabazos. O abandono da agricultura tradicional fai que parte das casas estean deshabitadas, pero o conxunto ten un grande interese arquitectónico e contén algúns edificios de grande antigüidade e tipoloxía moi singular. É de notar que o topónimo Vigo procede do latín vicus, que significa precisamente aldea. A 500 m ó outro lado do Rego das Carballas está a case xemelga aldea de Vilanova, xa da parroquia de Bóveda.