CONCELLO DE RÁBADE
Superficie: 5,17 km2 / Poboación 2012: 1674 habitantes
Na parroquia de Rábade, pertencente daquela ó concello de Begonte, foise agrupando desde finais do século XIX unha poboación cada vez máis numerosa ó redor da estación do ferrocarril, importantísimo centro de distribución de mercadorías da Terra Chá. En 1925, cando a vila xa andaba cerca dos mil habitantes, Rábade constituíuse en concello independente.
Pero a villa Rabati xa aparece como lugar importante desde tempos moi antigos. No ano 934 cítase nun documento relacionado coa familia de San Rosendo, e no mesmo século fálase dun territorio centrado en Rábade que comprendería boa parte dos actuais concellos de Outeiro de Rei e Begonte. No século XI Rábade aparece nos documentos en relación con varias sublevacións, entre elas a do conde Rodrigo Ovéquiz contra o rei Afonso VI.
O concello de Rábade está incluído na comarca administrativa de Lugo, pero dende o punto de vista xeográfico forma parte da Terra Chá. Deitado ó carón dun dos tramos máis belos do río maior de Galicia, un dos seus grandes atractivos son as chamadas Insuas do Miño, un longo parque natural con frondosas fragas e lagoas interiores. Na antiga Casa do Concello, nobre edificio de pedra agora chamado Casa das Insuas, hai un centro de interpretación deste senlleiro espazo, privilexiado tanto pola flora como pola fauna, cuxas 105 hectáreas son actualmente propiedade da Deputación de Lugo.
A vila de Rábade, de urbanismo aberto e agradable e con bo comercio e hostalaría, ten interesantes mostras da arquitectura vilega de principios do século XX. A ponte vella sobre o Miño é unha podente obra medieval, pero é posible que no mesmo lugar houbese unha ponte romana, se a vía de Lugo a Brigantium, de trazado discutido, pasaba por aquí. A ponte do ferrocarril é tamén moi bela, non só pola súa forma senón polo lugar que atravesa. A Casa de Miraflores, da outra lado do río, é un pazo brasonado, do que depende a ermida dos Remedios, centro dunha romaxe o derradeiro domingo de setembro.