CONCELLO DE O CORGO
Superficie: 157,33 km2 / Poboación 2012: 3.828 habitantes
Concello composto por 38 parroquias que agrupan 176 entidades de poboación, está situado na penechaira denominada Meseta de Lugo, a unha altura entre 400 e 500 m sobre o nivel do mar. O río Miño e o Neira rico en troitas sérvenlle de límites polo leste e polo sur, e o Chamoso e o Tórdea dominan unha densa rede de regueiros na maior parte do seu territorio.
Fortemente poboadas xa na época castrexa, as terras do Corgo eran atravesadas pola vía romana XIX Braga-Lugo-Astorga, de grande importancia política e económica. O condado de Flamoso ou Chamoso, que aparece como territorio destacado desde a Alta Idade Media, estaba nucleado ó redor do río deste nome, e abranguía case todo o actual concello do Corgo e parte dos de Castroverde e Lugo.
A feira de Adai foi historicamente un dos grandes centros de venda de cabalar e mular para Galicia e Castela. Actualmente séguese celebrando o 13 de cada mes. A finais de xuño hai dúas grandes feiras anuais especiais, unha do cabalo, e outra de vacún que é considerada a máis importante da raza rubia galega.
Terra agrícola tradicionalmente rica, o concello do Corgo é notable polas súas boas casas de labranza, moitas delas grandes e algunhas moi fermosas, con amplos alpendres e palleiras de cantería ben labrada. Sobre todo ás beiras dos ríos hai paisaxes dunha beleza emocionante, por exemplo o lugar onde está a Casa das Fervenzas, excepcional establecemento de turismo rural situado na parroquia de Santo Estevo de Farnadeiros.
Dous pazos destacan na arquitectura civil do Concello: o chamado Pazo do Corgo, na parroquia capital, de excelente cantería barroca, e o menos coñecido pero non menos interesante de Piñeiro. A ponte medieval sobre o río Neira e a súa contorna é outro lugar excepcional.
Na arquitectura relixiosa destaca unha boa cantidade de igrexas románicas: as de Campelo, Camposo, Santalla do Alto, Cabreiros, Fonteita e Gomeán, e sobre todo a pequena xoia de Castrillón, pequena e moi ben coidada, e ademais situada nunha magnífica carballeira, na mesma croa dun dos castros mellor conservados da comarca.