IGREXA PARROQUIAL
DE SAN MARTIÑO DE POUTOMILLOS
Ás veces tamén chamada san Martiño do Vilar, ou do Vilar de Poutomillos, esta parroquial é xa citada no ano 1129 como ecclesia Sancti Martini de Puctimilios. Reedificada no século XX, tanto pola súa fachada como pola planta e feitío xeral corresponde á tipoloxía máis sinxela do barroco rural, con nave cangada en madeira e capela maior a catro augas, tamén en madeira, cunha sancristía lateral. A espadana, de dous ocos, é notable polo seu tamaño en relación coa fachada. O retablo do altar maior é neoclasicista, coa imaxe do titular e outras varias, entre elas unha de san Sebastián posiblemente do século XVI. A igrexa ten tamén dous pequenos retablos laterais, datables no século XVII, un deles cun relevo das ánimas. O pazo que se ve desde o adro é o de Recimil, na aldea do mesmo nome.