PARROQUIA DE POUTOMILLOS
Superficie: 2,33 km2 / Poboación 2013: 34 habitantes
Poutomillos é unha pequena e alta parroquia que se vai erguendo cara á Pena de Fornos, a 760 metros sobre o nivel do mar. Estes montes marcan o límite de Poutomillos con Bacurín e mais con Gomelle, pertencente ó concello de Guntín. A parroquia é citada desde principios do século XII como ecclesia Sancti Martini de Puctimilios, Puitimilios ou mesmo Portumilios in Mera.
Esta é unha terra máis ben fría e de nevaradas persistentes. Falando do tempo que lle leva derreterse á neve, un vello dito popular afirma que "se en Prógalo tarda un día, sete tardará en Vilar". As súas pouco máis de vinte casas organízase nas aldeas da Uceira, Recimil, o Vilar e o Carballo, esta co seu anexo, o lugar ou casarío de Santo Antonio, onde en tempos houbo unha capela de romaxe da que non quedan máis restos có soar e unha pequena e sinxela cruz de cantería.
Boas casas de labranza e bos hórreos ilustran esta parroquia. A aldea do Vilar, no medio de ricos prados alombados, é a máis agrupada, e nela hai uns notables conxuntos de vivendas e construcións agrícolas auxiliares, feitas en cachotería de granito con esquinais e cercos de fiestras e portas en bo perpiaño. A Uceira foi un importante nó de camiños, hoxe infelizmente desfigurado, onde ademais da vella escola unitaria hai unha bela casa ó carón da estrada.
Na aldea de Recimil destaca un potente edificio pacego moi singular, no que a parte do faio ten a parede frontal sobreelevada en forma de trapecio, cunha liña de catro fiestras por riba das dúas plantas principais. Este pazo foi construído en varias fases, posiblemente a partir dunha torre medieval, e no século XVIII Caetano Xil Taboada, bispo de Santiago e despois arcebispo de Compostela, usouno como residencia de verán. Este ilustre eclesiástico, baixo cuxos mandatos se construíron o pazo episcopal de Lugo e a fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, era descendente do Afonso Díaz Teixeiro que no século XVI figuraba como dono da Casa de Recimil.