PARROQUIA DE ROMEÁN
Superficie: 4,94 km2 / Poboación 2013: 81 habitantes
As aldeas de Tellado, Saboleiro e Outeiro forman o núcleo principal da parroquia, cun total de máis de cincuenta casas. O lugar das Chousas, con catro, é case unha extensión de Tellado, e o de Gude, con nove, está xa máis lonxe, no camiño de Adai.
A parroquia de Romeán é un lugar de privilexio para os amantes da arquitectura tradicional, pois a maioría das casas, algunhas delas de gran tamaño, son de cantería e conservan moi ben a súa antiga beleza agraria. No núcleo e nas súas inmediacións pódense ver árbores magníficas, especialmente castiñeiros varias veces seculares, coma os que hai preto da igrexa parroquial, obra de tipoloxía barroca tradicional pero posterior ó século XVIII.
Na aldea de Outeiro destaca un nobre pazo barroco, soar dos Fole de Navia, e hoxe máis coñecido como Casa de Arias. Pouco por riba desta aldea está a Cunca do Castro, recinto castrexo cunha acrópole duns 70 m de diámetro.
A aldea de Gude, composta de boas casas de cantería bastante agrupadas, está sobre o río Romeán e merece unha visita pola súa beleza arquitectónica e natural.
O resto do territorio, deitado cara ó río Romeán e en parte xa algo montañoso, está cuberto por prados e sobre todo por carballeiras e fragas cada vez máis densas, debido ó abandono case total da agricultura. É notable a abundancia de xabarís, e sobre todo de corzos, que se deixan ver con moita frecuencia polos camiños.
Por terras de Romeán pasa unha variante do Camiño Primitivo de Santiago documentada desde a Idade Media. En épocas máis modernas foi de grande importancia o Camiño dos Bestilleiros, que dende Mondoñedo e a Terra Chá levaba –e leva– ó Trece de Adai, unha das feiras mensuais de cabalar máis importantes de Galicia. Os bestilleiros e as súas recuas durmían a véspera en varias casas de Romeán para chegaren ben frescos á feira.