PARROQUIA DE
SANTIAGO DE PRÓGALO
Superficie: 2,25 km2 / Poboación 2013: 23 habitantes
In comitatu de Mera villa praenominata Procul, di un documento real do ano 1088: no condado de Mera, a vila chamada Prógalo. Naquel tempo aínda se lles chamaba vilas, escrito como villae, a lugares ou casais, casas grandes de labranza de propietarios ricos, con edificacións anexas para cortes, almacéns e vivenda dos traballadores. É posible que a vila orixinal de Prógalo fose fundada mesmo no tempo do imperio romano, por algún militar ou funcionario romano chamado Proculus, antropónimo que significaba "nacido durante a ausencia de seu pai". A igrexa de Santiago de Prógalo figura tamén nos documentos medievais como Sanctus Iacobus de Mera.
Prógalo é hoxe unha pequena parroquia, unha das máis pequenas da rexión central de Lugo. De feito, no Catastro de Ensenada só figuraba con trece cabos de casa e trece casas habitadas, e hoxe ten ducia e media de casas, algunhas delas deshabitadas. Pero a agricultura segue sendo activa nesta terra abertal, alta e máis ben chá, de excelentes prados nos que se ven fermosas vacas de raza rubia galega.
A poboación áchase case toda moi xunta, aínda que as casas, da cantería típica do Val do Mera, están en xeral ben individualizadas. As aldeas da Vila e Golmar forman un único conxunto, continuado no Lameiro, ó longo da estrada.
Un pouco á parte, pero a menos de 200 m do resto, está a Eirexe, tres casas, neste caso moi xuntas, ó redor da pequena e interesante igrexa románica. Na Eirexe hai tamén un singular hórreo de cinco pés monolíticos con sobrepenas de cantería (unha cruz e unha imitación de campanario), e cun cerramento de ladrillo pintado moi rechamante no canto do orixinal de listóns de madeira.
Ó outro lado da estradiña que articula a parroquia está Tras do Castro. O castro, que aquí se soía chamar castronela, é pequeno e dunha soa defensa desde a que se albisca a cidade de Lugo, que está a dúas leguas de camiño.