PARROQUIA DE BACURÍN
Superficie: 6,03 km2 / Poboación 2013: 57 habitantes
Parroquia senlleira no Camiño de Santiago, que a atravesa pola súa parte meridional, cruzando a aldea que lle dá nome a toda e tocando na preciosa igrexa románica, citada como Sancto Michaele de Bacorin contra o ano 1160, aínda que na súa forma actual parece ser un pouco posterior. Por esas mesmas datas había nesta parroquia un pequeno mosteiro familiar, e xa no ano 964 é citado Bacorin nun documento relacionado co mosteiro de San Xoán de Mera.
Bacurín é terra suavemente montuosa que se vai elevando contra a Pena de Fornos. Atravesada polo río Mera, é riquísima en fontes e regatos e está sucada por fermosos camiños, corredoiras e congostras que merecen ser andadas de vagar á sombra dos carballos e outras árbores que as protexen. Agradables en todo tempo, a primavera e o outono fan destes vieiros antiquísimos e servizais unha espléndida festa de cores e recendos. E sobre os ríos, tres muíños, entre eles o pequeno e agora solitario do Paso, xunta a estradiña entre Carricova e Vigo.
A igrexa románica de Bacurín é un dos principais monumentos das Terras do Mera e un dos máis belos exemplos do románico rural galego. Está situada nun lugar solitario, ó carón do Pazo de San Miguel, hoxe máis ben unha casa grande coas súas edificacións auxiliares, todo detrás dunha bela portada heráldica de sabor renacentista.
Tres son as aldeas principais da parroquia, as tres agrupadas e bastante distantes entre si: Bacurín, Portafontao e Vigo. As Corredoiras, Carricova e Mourentaos (onde hai un espléndido casal) son xa lugares de poboamento disperso.
Bacurín, ó pé dun antigo castro, organízase ó redor do vello Camiño de Santiago coas súas casas de labranza e os seus airosos cabazos de pedra e madeira.
Portafontao, con só cinco casas, é tamén un valioso conxunto arquitectónico, no que destaca a chamada Casa do Prado, composta en realidade de dúas casas cun elegante hórreo.
Vigo, a aldea máis grande da parroquia e situada na zona máis montuosa, é un conxunto protexido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, de visita case obrigada para as persoas amantes da arquitectura tradicional agraria.