PARROQUIA DO BURGO
Superficie: 8,39 km2 / Poboación 2013: 93 habitantes
A maior parte desta bela parroquia organízase ó redor do Camiño Primitivo de Santiago, cunha estrutura moi particular definida pola vereda antiqua dos antigos documentos. O topónimo Burgo, que é de orixe xermánica, puidera referirse a unha antiga fortaleza rodeada por unha aldea ou pequena vila, ou tamén á súa estrutura case vilega, pois a palabra común burgo ten tamén o significado de "vila pequena" ou pobra.
Detrás dunha solemne portada heráldica, no lugar de Carrigueiros hai un notable pazo ou casa grande composta de varios corpos moi diferenciados, todo dentro do seu circundo murado. Este núcleo, que é o primeiro vindo desde Lugo, ten tamén unhas notables casas de labranza do mellor tipo tradicional. Pouco despois del está a fonte de Ribicás, á beira da estrada e Camiño de Santiago.
E logo vén o Burgo, coa súa clara organización ó redor do Camiño Primitivo, hoxe asfaltado, que lle serve de rúa, no medio dunha paisaxe de antigas agras, agora maiormente a prado. Ademais da espléndida igrexa e da curiosa capela de San Bartolomeu, no Burgo hai excelentes casas de labranza coas súas edificacións adxectivas, entre as que destacan algúns elegantes hórreos. O antigo hospital de peregrinos estaría nunha chousa así chamada da actual casa Matías, unha das máis belas da aldea. Xunta o burgo central é o lugar de Penas. A aldea de Garaloces espállase ladeira arriba cara ó sur.
Poutomillos do Burgo, que se chama así para diferencialo da contigua parroquia de Poutomillos, é unha pequena aldea bastante distante do núcleo, en lugar xa ben alto, onde está a chamada Casa do Fidalgo, pazo tipicamente agrario do século XVIII infelizmente abandonado e en moi mal estado de conservación.
A paisaxe agraria do Burgo é moi fermosa, e moi interesante polos bos zarros de pedra de agras e chousas. Un bo percorrido para facer a pé sería ir dende a igrexa parroquial cara á capela de San Bartolomeu e logo cara ó solitario casal do Canedo de Abaixo, a pouco máis dun quilómetro. A medio camiño atópanse os restos dun castro.