PARROQUIA DE SAN PEDRO DE MERA
Superficie: 4,83 km2 / Poboación 2013: 84 habitantes
Esta parroquia, a derradeira do concello de Lugo antes de entrar no de Guntín, é citada documentalmente desde principios do século XI. Foi unha etapa importante dentro do Camiño Primitivo a Compostela, co seu hospital de peregrinos que aínda lembra ben a toponimia, pois o Hospital é a aldea máis grande da parroquia. Pero o poboamento destas terras está xa ben testemuñado dende o Megalítico, e en época castrexa e romana debeu ser lugar importante dentro do territorio dos caporos. Na aldea de Crecente apareceu hai uns anos unha extraordinaria estela funeraria galaicorromana, tal vez a máis impresionante que se teña atopado en Galicia, que preside unha sala do Museo Provincial de Lugo.
E malia o despoboamento agrario, segue sendo unha terra bastante habitada e cunha agricultura considerable. Terra máis ben alta na cabeceira do río Mera que lle dá nome á parroquia, á pequena comarca e ó antigo condado, é rica en augas e prados, que outrora foron agras, e o seu patrimonio arquitectónico popular especialmente rico, polo cal todas as súas aldeas merecen unha visita.
Catro destas aldeas son fortemente agrupadas. No Hospital destaca a Casa da Capela e algunhas outras de valor, ademais dunha bela fonte no camiño. En San Pedro de Baixo, xunta a estrada, hai unha magnífica escola con vivenda para o mestre, dunha feitura e dun tamaño moi singulares, sen paralelo en todo o concello de Lugo; moi ben rehabilitada, hoxe é Centro de Dinamización Cultural do Concello. Remesar é unha aldea redonda, onde se pode ver algunha casa con patín e algunhas portas alinteladas sobre antas. San Pedro de Riba organízase ó redor da igrexa, preto da cal hai unha palleira moi notable e un pequeno hórreo moi singular.
Xa contra San Romao da Retorta, no lugar de Taboeiro sae unha estradiña cara a Cotá. Ó redor organízase Crecente, aldea máis espallada, na que hai un mesón nunha casa de espléndida cantería datada en 1876; convén avisar se se quere comer alí. Esta é unha zona agraria máis ben chá e con boas casas, e mesmo cun interesante pazo, infelizmente bastante abandonado, que ten como anexo un pombal de planta cadrada.