PARROQUIA DE
SANTALLA DE BÓVEDA DE MERA
Superficie: 5,49 km2 / Poboación 2013: 64 habitantes
A parroquia de Bóveda asume de xeito moi claro unha potente centralidade simbólica das Terras do Mera no eido histórico e cultural, tanto pola presenza do monumento romano como pola súa propia textura parroquial.
Bóveda soa como Sancta Eulalia Alta no chamado Testamento de Odoario, e como ecclesia Sancte Eolalie antiqua no Inventario de Hermenexildo e Paterna, ano 971. É de notar que xa neste antigo século X se lle chama "antiga" a esta igrexa. Os restos arqueolóxicos amosan que xa na época castrexa estaban ben habitadas estas terras: castros de Corvazal e de Valín, e varios outros fóra da parroquia pero moi cerca: Facoi, Albazoi... E tamén dos tempos megalíticos hai restos de grande importancia, cunha liña de túmulos funerarios ó norte da franxa central poboada.
Terra de fontes (hai máis de vinte), con ondulación entre suave e áspera, o poboamento da parroquia organízase en cinco aldeas: a de Bóveda polo leste, excéntrica pero central, e logo Cabanas, Vilanova, Vilar e Valín. Todas elas merecen unha vista, e nas de Valín-Vilar e Bóveda o viaxeiro atopará senllos carteis particulares. Pero non se esqueza tampouco da de Vilanova, cun urbanismo de ladeira moi interesante, nin da de Cabanas, onde hai unha fermosa casa grande de labranza que paga ben o desvío. Todas estas aldeas son de casas bastante agrupadas. Das grandes canteiras de Vilanova extráese un granito de grande calidade que caracteriza toda a arquitectura popular e non popular desta zona.
De xunta o monumento romano de Bóveda arrinca unha ruta de sendeirismo chamada "O vello Lugo agrario", moi fácil de andar, na que ademais das fermosas paisaxes cunha rica flora e interesantes construcións se poden observar magníficos cerramentos de agras, chousas e curros, feitos todos de cantería, pero con diversas tipoloxías: chantos, cachote murado en seco, e a preciosa combinación de muros con chantos e antas en diversas disposicións.